“SOMOS ARTISTAS!” é un obradoiro impartido por Migallas Teatro e organizado polas Concellerías de Cultura e de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra co fin de promover a expresión dramática e artística entre a infancia creando un espazo de socialización en galego.

Lugar

Pazo da Cultura de Pontevedra situado na Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra.

Idades

Nenas e nenos de 5 a 11 anos

Horario

Taller 1: de 8 a 11 anos
Os luns de 18.00 h a 19.30 h
Número de participantes: 25
Comezo: 29 de setembro

Taller 2: de 5 a 7 anos
Os mércores de 17.30 h a 19.00 h
Número de participantes: 35
Comezo: 8 de outubro

Taller 3: de 5 a 7 anos
Os xoves de 17.30 a 19.00 h
Número de participantes: 35
Comezo: 9 de outubro

Duración

Cada obradoiro constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre setembro e decembro de 2025 a razón dunha sesión semanal.

Prezo

50 € por todo o obradoiro, co material incluído

Inscrición

Ata o comezo da actividade enviando un correo electrónico ao enderezo migallas@migallas.gal cos seguintes datos:

  • Nome e apelidos do neno/a:
  • Idade:
  • Nº de taller:
  • Nome de familiar ou titor/a de contacto:
  • Número de teléfono do adulto de contacto:
  • Enderezo:

As inscricións novas faranse por orde de recepción da solicitude. A formalización da inscrición e o pago da cota realizarase directamente con Migallas Teatro cando comece a actividade.

PRAZAS LIMITADAS!

OBRADOIRO “SOMOS ARTISTAS!”

Este proxecto baséase en dous piares fundamentais: a creación dun espazo onde as rapazas e os rapaces desenvolvan a súa expresión artística e o fomento do uso da lingua galega entre a infancia.

  1. Descubrir e fomentar os recursos expresivos e comunicativos dos rapaces e rapazas
  2. Estimular a fantasía, desenvolver a imaxinación e as capacidades creativas
  3. Prepararalos para o xogo espontáneo e libre, vencendo a vergonza e a timidez e motivando o traballo en equipo, cooperativo e solidario
  4. Crear unha dinámica entre as nenas e nenos participantes de xeito que practiquen os xogos tradicionais de forma espontánea fóra do ámbito do obradoiro, nos parques, prazas e rúas do seu barrio.
  5. Fomentar a práctica de exercicio físico dun xeito divertido para evitar o sedentarismo infantil
  6. Promover as relacións de igualdade entre as nenas e nenos
  7. Favorecer a fluidez na expresión oral e escrita en galego
  8. Crear un espazo de socialización en galego
  9. Promover as relacións interxeracionais
  10. Aprendizaxe activa e gozo do noso folclore infantil poético (cancións, ditos etc.) e dos xogos tradicionais galegos
  11. Concienciación sobre o coidado do contorno urbano e natural
  12. Fomentar o hábito da lectura como gozo, en especial de libros en galego

Obradoiros de 5 a 7 anos

Os rapaces e rapazas de 5 a 7 anos participantes veranse metidos nunha aventura na que irán da man de artistas de épocas diferentes para poder superar varias probas de xeito cooperativo.

Aprenderán xogos e conseguirán superar as probas que lles poña o Pirata Escarapote para poder atopar o seu tesouro.

Durante as 10 sesións, os nenos e nenas desenvolverán as súas capacidades creativas mediante o xogo combinando actividades de expresión plástica, dramática e musical.
Así pois, escoitarán, crearán e representarán contos; pintarán e crearán obras artísticas; aprenderán xogos e cancións tradicionais e actuais…

Obradoiro de 8 a 11 anos

A través de artistas de épocas diferentes, as rapazas e rapaces desenvolverán as súas capacidades creativas sen ningún tipo de trabas nin de ideas preconcibidas.
Combinaranse as actividades de xogos e de expresión dramática, plástica e musical.

As actividades de “SOMOS ARTISTAS!” son dirixidas por María Campos e Carlos Yus, membros fundadores da compañía pontevedresa Migallas Teatro.

Migallas Teatro vén realizando desde a súa fundación no ano 1992 numerosas actividades de promoción da lingua e da cultura mediante montaxes teatrais, gravacións de discos como “Canta connosco!”, “Pan de millo” e “Zaragallada”; sesións de contacontos, obradoiros etc.

Desde o ano 1998 ata o ano 2020 coordinou os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical Á procura do tesouro.

Tamén coordina a páxina Orella pendella e realizou 25 programas da serie audiovisual Brincadeiras da lingua, para fomentar a práctica da lingua mediante os ditos infantís tradicionais.