Na reunión mantida o mércores 3 de novembro de 2021 coa concelleira de Cultura e o xefe de servizo de Infraestruturas Culturais sobre “Á procura do tesouro”, a concelleira afirmou reiteradamente que o Concello non ía seguir financiando esta actividade e que era o momento de que Migallas Teatro a continuase pola súa conta fóra das dependencias municipais.

Entre as múltiples razóns que expuxemos desde Migallas Teatro a favor do mantemento da actividade como municipal, tal como foi creada no ano 1998, salientamos que esta medida suporía que cada participante, no canto de pagar unha única cota de 50 € por todo o obradoiro de 8 meses, tería que pagar como mínimo unha cota de 30 € ou 40 € por mes.

Isto impediríalles a moitas familias enviar as súas fillas e fillos a esta actividade.

Ademais, volvemos sinalar que o lugar idóneo para desenvolver a actividade é a sala de obradoiros do Pazo da Cultura. Neste punto, para que sexa posible realizar outras actividades neste espazo, propuxemos reducir os días de “Á procura do tesouro” de 5 a 3 días e montar e recoller cada día todo o material, mesas incluídas.

A concelleira dixo que neste espazo xa estaban programadas outras actividades e que non era posible facer “Á procura do tesouro” nese espazo.

Ao final da reunión, e despois de que nós afirmásemos que iamos informar as familias e os medios de comunicación sobre o resultado da reunión, a concelleira propuxo trasladar esta actividade a un dos seminarios do segundo andar, mais dixemos que esta proposta é inviable, pois estes espazos son moi reducidos. O seminario máis grande ten 56 metros cadrados fronte aos 196 que ten a sala de obradoiros. Isto suporía reducir considerablemente o número de participantes.

Por outra banda, en Migallas Teatro, obviamente, somos partidarios de que o Concello de Pontevedra dea cabida a outros proxectos culturais de formación de base dirixidos á infancia e á xuventude, pois cantas máis actividades deste tipo se oferten, máis formadas e, sobre todo, máis felices serán as nenas e nenos de Pontevedra.