O 7 de xaneiro de 2025 é o 75 aniversario da morte de Castelao no exilio de Buenos Aires. Con este motivo, a Xunta de Galicia declarou o ano 2025 Ano Castelao. En Migallas Teatro sumámonos a esta iniciativa tal como fixemos nos anos 2000 e 2016, que tamén foran declarados Ano Castelao.
Ao longo da nosa traxectoria, tentamos contribuír á difusión da figura, do pensamento e da obra deste persoeiro fundamental para a historia e a cultura de Galicia mediante a creación e representación de espectáculos teatrais para público familiar, o desenvolvemento de actividades con rapazas e rapaces e a coordinación dunha guía das súas obras.
Este é o espectáculo teatral que temos en cartel na actualidade:
“Pegadas de Castelao”, espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural etc. dunha forma amena e divertida.
Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: cantar de cego, monicreques, teatro de actor etc., todo acompañado por música en directo e cantigas tradicionais vinculadas á súa vida e obra.
A través da seguinte ligazón pódese acceder á Guía da “Sala Castelao” do Museo de Pontevedra, coordinada por Carlos Yus.
Esta é unha mostra das actividades desenvolvidas sobre Castelao dentro dos obradoiros de expresión dramática, plástica e musical “Á procura do tesouro” dirixidos a rapazas e rapaces desde 4 ata 18 anos: Performance sobre Castelao no Museo de Pontevedra.