Libro Un avó especial
A compañía Migallas teatro edita o libro “Un avó especial” sobre a doenza do alzheimer, dirixido aos nenos e nenas e a toda a familia en xeral, co deseño, produción e distribución de Kalandraka Editora.
O libro “Un avó especial” está baseado na obra teatral do mesmo nome que a compañía “Migallas Teatro” creou no ano 2005 co asesoramento de AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra), e que continúa representando, co obxectivo de axudarlles aos nenos e nenas a comprender mellor a doenza do Alzheimer.
Tras percorrer numerosos teatros, auditorios e centros culturais e educativos de toda Galicia, a compañía “Migallas Teatro”, animada tamén por AFAPO, decidiu converter esta peza dramática nun libro dirixido aos nenos e nenas “para que lembren sempre a historia do avó Manuel e da súa neta Rosiña”.
O texto de Carlos Yus e as ilustracións de María Campos contan a relación entre un avó e a súa neta dende que esta nace ata que ten doce anos. O avó arrólaa; cóidaa; ensínalle ditos, cancións, xogos… Co paso do tempo sucédense as risas e os enfados entre os dous pero, un día, o avó comeza a ter moitos despistes e, ademais, cámbialle o carácter. Rosiña, coa axuda dos pais, ten que facer fronte a esta nova situación.
Malia a seriedade do tema que trata, “Un avó especial”, ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas que implica a doenza do Alzheimer e amosar a importancia que teñen os/as nenos/as para que os maiores vivan momentos felices.
Á parte da enfermidade, tamén se trata o tema da relación entre os/as nenos/as e os/as vellos/as en xeral así como diferentes modos de educar os rapaces por parte dos membros da familia.
Os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural. Os ditos, os xogos e as cantigas populares, son un elemento fundamental nesta transmisión.