“Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño”.

Canta connosco, libro-cd-dvd de Migallas Teatro, ilustrado por Óscar Villán e editado por Kalandraka, obra gañadora na categoría de Libro ilustrado na Gala do libro Galego 2017.

Canta connosco inclúe cancións infantís de carácter máis tradicional, xunto co rap, o rock, a cumbia, o reagge e o pasodobre, ata unha melodía de inspiración africana ou un canto de berce, pasando polo tema instrumental folk que pecha o disco. Pensado para o público infantil, tamén pode gustar a toda a familia pola diversidade de contidos: os xogos tradicionais e colectivos fronte á televisión e as novas tecnoloxías; a animación á lectura; a importancia do uso do galego; a ecoloxía; a cultura tradicional…

As ilustracións de Óscar Villán -de vivas cores, grande expresividade e dinamismo- acentúan o ton lúdico da obra, que se complementa con divertidos vídeos musicais de José Miguel Sagüillo, que inclúen animacións e karaokes para fomentar a interactividade.

A Gala do Libro Galego 2017, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado 20 de maio. Con esta convocatoria pretendíase recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala.

Ver todas as obras gañadoras