ARTEXOGA é unha escola de artes e xogos fundada por Migallas Teatro co fin de promover a expresión dramática, plástica e musical e a práctica dos xogos tradicionais entre a infancia creando un espazo de socialización en galego.

Lugar

Local de Migallas Teatro situado na rúa de Portugal nº 34 de Monte Porreiro – Pontevedra

Horarios

Unha sesión por semana dunha hora e cuarto

  • Os mércores: de 5 a 7 anos
    • Grupo 1 das 16.30 h ás 17.45 h
    • Grupo 2 das 18.15 h ás 19.30 h
  • Os xoves: de 8 a 11 anos
    • Grupo 1 das 16.30 h ás 17.45 h
    • Grupo 2 das 18.15 h ás 19.30 h

Prezo

20 € ao mes, co material incluído

Comezo

Outubro 2022

Reserva de prazas

A partir do 20 de setembro ás 10.00 h enviando un correo a migallas@migallas.gal co nome e apelidos da nena ou neno, idade, horario escollido e teléfono de contacto

PRAZAS LIMITADAS!

PROXECTO ARTEXOGA, ESCOLA DE ARTES E XOGOS

Este proxecto baséase en tres piares fundamentais: a necesidade de promover as relacións entre as nenas e nenos dun xeito divertido, a creación dun espazo onde desenvolvan a súa expresión artística e o fomento do uso da lingua galega entre a infancia.

Por unha banda, os xogos tradicionais son a ferramenta ideal para promover as relacións entre a cativada e ademais, forman parte da nosa cultura, constrúen a identidade das persoas e transmítense de xeración en xeración.

Alén do mero gozo lúdico, os seus beneficios tanto no desenvolvemento persoal de habilidades físicas e psicolóxicas como no fomento da amizade e do compañeirismo son evidentes.

Isto último é se cabe moito máis importante na actualidade debido ás condicións de illamento familiar ás que as rapaces e rapazas tiveron que facer fronte por mor da pandemia da COVID-19.

En moitos casos, esta circunstancia supuxo un corte brusco no proceso natural de evolución das relación entre as nenas e os nenos ao tempo que provocaba un consumo excesivo de TV e de xogos electrónicos de carácter individual e sedentario.

Tamén é preocupante o aumento na infancia do índice de problemas relacionados coa escaseza de exercicio físico (sobrepeso, obesidade) que poden provocar nun futuro enfermidades cardiovasculares, diabetes etc.

Por outra banda, cómpre ofrecer espazos complementarios á educación regrada que contribúan á formación artística das nenas e nenos, independentemente de que nun futuro poidan dedicarse profesionalmente á expresión artística en calquera dos seus campos.

A través de múltiples técnicas de expresión plástica e do xogo dramático, as nenas e nenos poderán coñecer e gozar da obra de artistas de todos os tempos.

Finalmente, todos os estudos realizados nos últimos anos sobre a evolución da lingua galega constatan o declive do seu uso entre a infancia.

A creación dun espazo de socialiación en galego coa práctica dos xogos tradicionais acompañados de ditos e cancións convértese nunha ferramenta idónea para recuperar o uso natural da lingua galega entre as nenas e nenos e convertela en parte do seu mundo.

  1. Promover as relacións entre as nenas e nenos dun xeito divertido
  2. Descubrir e fomentar os recursos expresivos e comunicativos dos/as rapaces e rapazas
  3. Estimular a fantasía, desenvolver a imaxinación e as capacidades creativas
  4. Prepararalos para o xogo espontáneo e libre, vencendo a vergonza e a timidez e motivando o traballo en equipo, cooperativo e solidario
  5. Crear unha dinámica entre as nenas e nenos participantes de xeito que practiquen os xogos de forma espontánea fóra do ámbito do obradoiro, nos parques, prazas e rúas do barrio.
  6. Fomentar a práctica de exercicio físico dun xeito divertido para evitar o sedentarismo infantil
  7. Favorecer a fluidez na expresión oral e escrita en galego
  8. Crear un espazo de socialización en galego
  9. Fomentar a igualdade de xénero
  10. Promover as relacións interxeracionais
  11. Aprendizaxe activa e gozo do noso folclore infantil poético (cancións, ditos etc.) e dos xogos tradicionais galegos
  12. Coñecemento do barrio e da natureza que nos rodea (animais, plantas)
  13. Concienciación sobre o coidado do contorno urbano e natural
  14. Fomentar o hábito da lectura como gozo, en especial de libros en galego

As actividades de ARTEXOGA son dirixidas por María Campos e Carlos Yus, membros fundadores da compañía pontevedresa Migallas Teatro.

Premendo nestas ligazóns, pódese acceder a imaxes sobre xornadas de xogos tradicionais organizados por Migallas Teatro na Praza da Pedreira de Pontevedra:

MIGALLAS – Á procura do tesouro 2018 – Praza da Pedreira
MIGALLAS – Saída de Á procura do tesouro 2016
Migallas Teatro vén realizando desde a súa fundación no ano 1992 numerosas actividades de promoción da lingua e da cultura mediante montaxes teatrais, gravacións de discos como “Canta connosco!”, “Pan de millo” e “Zaragallada”; sesións de contacontos, obradoiros etc.
Durante 22 anos coordinou os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical Á procura do tesouro.
Tamén coordina a páxina Orella pendella e no ano 2021 realizou 25 programas da serie audiovisual Brincadeiras da lingua, para fomentar a práctica da lingua mediante os ditos infantís tradicionais.