“ARTEXOGA CON ELAS” é un obradoiro impartido por Migallas Teatro e organizado polas Concellerías de Cultura e de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra co fin de promover a expresión dramática, plástica e musical e a práctica dos xogos tradicionais entre a infancia creando un espazo de socialización en galego.
Lugar
Pazo da Cultura de Pontevedra situado na Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra.
Idades
Nenas e nenos de 5 a 11 anos
Horario
Taller 1: de 8 a 11 anos
Os luns de 18.00 h a 19.30 h
Número de participantes: 25
Taller 2: de 5 a 7 anos
Os mércores de 17.30 h a 19.00 h
Número de participantes: 35
Taller 3: de 5 a 7 anos
Os xoves de 17.30 a 19.00 h
Número de participantes: 35
Duración
Cada obradoiro constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre xaneiro e abril de 2025 a razón dunha sesión semanal.
Prezo
50 € por todo o obradoiro, co material incluído
Comezo
Na semana do 27 ao 31 de xaneiro de 2025
Inscrición
Do 21 ao 23 xaneiro enviando un correo electrónico ao enderezo migallas@migallas.gal cos seguintes datos:
- Nome e apelidos do neno/a:
- Idade:
- Nº de taller:
- Nome de familiar ou titor/a de contacto:
- Número de teléfono do adulto de contacto:
- Enderezo:
As prazas non se adxudicarán por orde de entrega da solicitude. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade as nenas e nenos residentes no termo municipal de Pontevedra. Se estes tamén superasen o número de prazas ou ben para adxudicar o resto das prazas, faríase un sorteo público. A formalización da inscrición e o pago da cota realizarase cando comece a actividade, na semana do 27 ao 31 de xaneiro.
OBRADOIRO “ARTEXOGA CON ELAS”
Este proxecto baséase en tres piares fundamentais: a necesidade de promover as relacións de igualdade entre as nenas e nenos dun xeito divertido, a creación dun espazo onde desenvolvan a súa expresión artística e o fomento do uso da lingua galega entre a infancia.
- Promover as relacións de igualdade entre as nenas e nenos dun xeito divertido
- Descubrir e fomentar os recursos expresivos e comunicativos dos/as rapaces e rapazas
- Estimular a fantasía, desenvolver a imaxinación e as capacidades creativas
- Prepararalos para o xogo espontáneo e libre, vencendo a vergonza e a timidez e motivando o traballo en equipo, cooperativo e solidario
- Crear unha dinámica entre as nenas e nenos participantes de xeito que practiquen os xogos de forma espontánea fóra do ámbito do obradoiro, nos parques, prazas e rúas do seu barrio.
- Fomentar a práctica de exercicio físico dun xeito divertido para evitar o sedentarismo infantil
- Favorecer a fluidez na expresión oral e escrita en galego
- Crear un espazo de socialización en galego
- Promover as relacións interxeracionais
- Aprendizaxe activa e gozo do noso folclore infantil poético (cancións, ditos etc.) e dos xogos tradicionais galegos
- Concienciación sobre o coidado do contorno urbano e natural
- Fomentar o hábito da lectura como gozo, en especial de libros en galego
Obradoiros de 5 a 7 anos
Os rapaces e rapazas de 5 a 7 anos participantes veranse metidos nunha aventura na que irán da man das artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama e na que abordarán a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística.
Aprenderán xogos e conseguirán superar as probas que lles poña o Pirata Escarapote para poder atopar o seu tesouro.
Durante as 10 sesións os/as nenos/as desenvolverán as súas capacidades creativas mediante o xogo combinando actividades de expresión plástica, dramática e musical.
Así pois, escoitarán, crearán e representarán contos; pintarán e crearán obras artísticas; aprenderán xogos e cancións tradicionais e actuais…
Obradoiro de 8 a 11 anos
Combinaranse as actividades de xogos e de expresión dramática, plástica e musical.
A través das artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama, abordarase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística.
As nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.
Tamén se animará a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de trabas nin de ideas preconcibidas.
As actividades de “ARTEXOGA CON ELAS” son dirixidas por María Campos e Carlos Yus, membros fundadores da compañía pontevedresa Migallas Teatro.
Premendo nestas ligazóns, pódese acceder a imaxes sobre xornadas de xogos tradicionais organizados por Migallas Teatro na Praza da Pedreira de Pontevedra:
MIGALLAS – Á procura do tesouro 2018 – Praza da Pedreira
MIGALLAS – Saída de Á procura do tesouro 2016
Migallas Teatro vén realizando desde a súa fundación no ano 1992 numerosas actividades de promoción da lingua e da cultura mediante montaxes teatrais, gravacións de discos como “Canta connosco!”, “Pan de millo” e “Zaragallada”; sesións de contacontos, obradoiros etc.
Desde o ano 1998 ata o ano 2020 coordinou os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical Á procura do tesouro.
Tamén coordina a páxina Orella pendella e no ano 2021 realizou 25 programas da serie audiovisual Brincadeiras da lingua, para fomentar a práctica da lingua mediante os ditos infantís tradicionais.