30 Anos cantando con Migallas
Migallas Teatro celebra os 30 anos facendo e cantando música infantil en galego cun divertido e variado concerto para público familiar. Nesta ocasión, conta con músicos de recoñecido prestixio e traxectoria como Xaquín Xesteira e Anxo Xesteira, de Treixadura, e Borja García e Isi Baúlo, que acompañarán a María Campos e a Carlos Yus no escenario.
No concerto interprétanse temas dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo”. Cancións tan coñecidas como “Pan de millo“, “O rap da lingua“, “Miña Abuela Manuela“, “O esqueleto” ou “O libro máxico“, coas que medraron varias xeracións, farán gozar de novo as nais e pais que as cantaron na súa infancia e os nenos e nenas de agora.
Ficha artística
Anxo Xesteira Serrano
Acordeón, piano, sintetizador, guitarra eléctrica, blueboard e voz
Músico multi instrumentista (acordeón, percusión, piano, gaita, guitarra…) membro de Treixadura, de SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia, Rodrigo Romaní Trío e Onte e hoxe e director do grupo vocal Maravallada. É tamén o director da empresa de son Anxest.
Xaquín Xesteira Losada
Gaita, birimbao, pandeireta, pandeiro e frauta travesa
Músico, compositor e profesor de longa traxectoria no eido da música tradicional, é fundador e director de Treixadura e membro de SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia. Tamén é docente de gaita e percusión na ETRAD Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional.
Borja García Paz
Contrabaixo e baixo eléctrico
Músico multi instrumentista (trompa, contrabaixo, baixo eléctrico, guitarra…) de gran versatilidade. É membro do grupo de rockabilly Mad Martin Trío e do de rumba flamenca Pa Ti Na Ma Big Band.
Isi Baúlo Piñeiro
Batería e percusión
Músico especializado en percusión nado nunha familia de longa tradición musical e membro de agrupacións con diferentes estilos, desde bandas de música como a Banda de Música Municipal de Ribadumia ata grupos de rock-metal como Treboada Rock.
María Campos Cabaleiro
Voz
Fundadora da compañía Migallas Teatro, que foi pioneira da canción infantil en galego co disco “Canta connosco!”. Con este álbum e con “Pan de millo” leva actuado durante 30 anos para público infantil e familiar polos escenarios de toda Galicia.
Carlos Yus Respaldiza
Voz e guitarra
Fundador da compañía Migallas Teatro xunto a María Campos, coa que comparte 30 anos de actuacións para público infantil e familiar polos escenarios de toda Galicia cos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo”. Tamén gravou o álbum para público adulto Zaragallada e é membro de Banda Zaragallada.