Saída Á procura do tesouro 2012

Talleres á procura do tesouro

Saída Á procura do tesouro 2012

O xoves 3 de maio os/as nenos/as participantes en dous dos 4 talleres de exprexión dramática, plástica e musical que desenvolveu a Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra por decimoterceiro ano consecutivo coa coordinación de Migallas Teatro irán “Á procura do tesouro” polas inmediacións do Pazo da Cultura de Pontevedra (entre as 18:00 e as 20:00 h.)

Esta actividade pon remate a dous dos 4 obradoiros de expresión dramática plástica e musical que se desenvolveron durante este ano no Pazo da Cultura ó longo de 22 sesións e nos que participaron un total de 150 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Durante estas 22 sesións os/as nenos/as descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo. Así pois, coñeceron, gozaron e reinterpretaron a arte de diversos mestres da pintura como Velázquez, Franz Marc e Picasso.

Da man destes artistas achegáronse á arte como gozo e estímulo para a creación e o desenvolvemento das calidades expresivas de cada persoa sen ningún tipo de traba.

Na “expedición” deste xoves “os/as piratas limpos/as” deberán superar diversas probas que lles porá o Pirata Escarapote para poderen atopar o seu tesouro. Entre proba e proba gozarán participando de diversos xogos populares e tradicionais desde as 19:00 h ata as 20:00 h no Recinto Feiral do Pazo da Cultura.

¿Serán capaces estes 120 piratas de superar todas as probas e descubrir o tesouro de Escarapote?

Máis información: Á procura do tesouro.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies