Paseo máxico por Pontevedra 2014

Paseo máxico por Pontevedra 2014

“Embárcate nunha divertida viaxe pola historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista. Déixate acompañar por personaxes doutra época que che descubrirán os segredos máis ocultos da cidade.”

Así é como a compañía pontevedresa Migallas Teatro, Turismo de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e a Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra presentan o “Paseo máxico por Pontevedra”, as visitas teatralizadas para todos os públicos que se desenvolverán durante as noites deste verán polo Centro Histórico de Pontevedra, como complemento ás visitas guiadas que se realizan durante o día.

Nestas visitas teatralizadas combínase a información cultural coas representacións teatrais. Os/as visitantes son conducidos por varios personaxes a modo de guías pola parte antiga da vila e, ao tempo que lles transmiten contidos sobre a súa historia dun xeito ameno e humorístico, ilustran as súas palabras coa evocación doutros personaxes vinculados ás prazas e rúas polas que pasan.

Os obxectivos que se perseguen con estas visitas son:

  1. Fomentar o turismo cultural en Pontevedra espertando entre os/as visitantes o desexo de coñecer máis sobre a nosa cidade, de xeito que permanezan máis días nela e que volvan con frecuencia.
  2. Contribuír á revitalización da Zona Monumental de Pontevedra en todos os seus aspectos tanto económicos como sociais e culturais aproveitando os seus recursos turísticos e mesmo creando un produto turístico novo.
  3. Difusión da cultura galega. Ofrecer tanto a visitantes procedentes de Galicia como aos vidos de fóra dela a posibilidade de coñecer o pasado histórico de Pontevedra mediante unha actividade amena e para todas as idades.
  4. Rememorar personaxes, momentos históricos e escenas da vida cotiá da Boa Vila que aínda poden ser descoñecidos para os/as mesmos/as habitantes actuais e que contribuirán a comprender mellor o presente da cidade.
  5. Converter as rúas, prazas e edificios do Centro Histórico de Pontevedra na escenografía dun teatro popular e participativo.

As visitas realizaranse en castelán, pois están dirixidas principalmente a persoas de fóra de Galicia, e en horario nocturno, desde as 22:00 h ata as 23:30 h aproximadamente, excepto o primeiro día, que será a partir das 20.00 h.

DATOS DAS VISITAS:

  • Días de visita: xullo: 4, 5, 11, 12, 25, 26, 29, 30 e 31. Agosto: 1.
  • Saída: ás 22:00 h (o día 4 saída ás 20.00 h) detrás da Casa do Concello.
  • Duración: 1 hora e media aproximadamente.
  • Prezo: 5 € por persoa independentemente da idade ou doutras circunstancias.

Para todos os públicos. Prazas limitadas.

Venda de entradas por orde de chegada o mesmo día da visita desde as 21:30 ata as 22:00 h no punto de saída, detrás da Casa do Concello.

O número máximo de participantes en cada visita é de 100 persoas. Destas 100 entradas, 60 pódense reservar con antelación, pero terán que adquirirse igualmente no lugar sinalado, entre as 21:15h e as 21:45h. As outras 40 venderanse por orde de chegada a partir das 21:30 h.

Pódense reservar entradas para calquera día durante os días anteriores á visita e, o mesmo día da visita, ata 4 horas antes do comezo desta, é dicir, ata as 18:00 h, a través da páxina web www.migallas.gal

As entradas reservadas que non se adquiran antes das 21:45 h serán postas á venda.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.