Paseo máxico por Pontevedra

Paseo máxico por Pontevedra


Cartel do espectáculo

Visitas teatralizadas polo centro histórico de Pontevedra organizadas pola compañía de teatro “Migallas Teatro”, coa colaboración da “Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra”.

“Embárcate nunha divertida viaxe pola historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista. Déixate acompañar por personaxes doutra época que che descubrirán os segredos máis ocultos da cidade.”

Así é como a compañía pontevedresa Migallas Teatro e a Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra presentan o “Paseo máxico por Pontevedra”, as visitas teatralizadas para todos os públicos que se desenvolverán durante as noites deste verán polo Centro Histórico de Pontevedra, como complemento ás visitas guiadas que se realizan durante o día.

Nestas visitas teatralizadas combínase a información cultural coas representacións teatrais. Os/as visitantes son conducidos por varios personaxes a modo de guías pola parte antiga da vila e, ao tempo que lles transmiten contidos sobre a súa historia dun xeito ameno e humorístico, ilustran as súas palabras coa evocación doutros personaxes vinculados ás prazas e rúas polas que pasan.

A compañía Migallas Teatro e a ACCUZM propoñen para o ano 2012 un divertido percorrido polas zonas do Centro Histórico recentemente rehabilitadas (Avenida de Santa María, CITA, Praza de Alonso de Fonseca e Campiño de Santa María) centrándose na historia medieval e renacentista da cidade.

Neste percorrido, onde se evocarán feitos e personaxes históricos coñecidos como o “Fiel Contraste”, Alonso de Fonseca, Tristán de Montenegro, Pedro Madruga, Paio Gómez Chariño, Xoán Nobre e Cornelis de Holanda… merecerán unha lembranza especial os homes e mulleres anónimos que habitaron nesta vila e arredores ao longo dos séculos.

Tamén haberá referencias a outros personaxes que, malia pertencer a épocas máis próximas a nós, contribuíron co seu traballo a recuperar e valorar o pasado da Boa Vila e a levar o seu nome fóra das nosas fronteiras, como Casto Sampedro e Castelao.

Os obxectivos que se perseguen con estas visitas son:

    1. Fomentar o turismo cultural en Pontevedra espertando entre os/as visitantes o desexo de coñecer máis sobre a nosa cidade, de xeito que permanezan máis días nela e que volvan con frecuencia.
    1. Contribuír á revitalización da Zona Monumental de Pontevedra en todos os seus aspectos tanto económicos como sociais e culturais aproveitando os seus recursos turísticos e mesmo creando un produto turístico novo.
    1. Difusión da cultura galega. Ofrecer tanto a visitantes procedentes de Galicia como aos vidos de fóra dela a posibilidade de coñecer o pasado histórico de Pontevedra mediante unha actividade amena e para todas as idades.
    1. Rememorar personaxes, momentos históricos e escenas da vida cotiá da Boa Vila que aínda poden ser descoñecidos para os/as mesmos/as habitantes actuais e que contribuirán a comprender mellor o presente da cidade.
    1. Converter as rúas, prazas e edificios do Centro Histórico de Pontevedra na escenografía dun teatro popular e participativo.
  1. As visitas realizaranse en castelán, pois están dirixidas principalmente a persoas de fóra de Galicia, e en horario nocturno, desde as 22:00 h ata as 23:30 h aproximadamente, para aproveitar os efectos artísticos da iluminación do Centro Histórico e darlle un aire de encanto e misterio ó percorrido.

Datos das visitas:

  • Días de visita: xullo: 20, 21, 24, 25, 27, 28 e 31. Agosto: 1, 2 e 3
  • Saída: ás 22:00 h detrás da Casa do Concello.
  • Duración: 1 hora e media aproximadamente.
  • Prezo: 5 € por persoa independentemente da idade ou doutras circunstancias.

Para todos os públicos. Prazas limitadas.

Venda de entradas por orde de chegada o mesmo día da visita desde as 21:30 h hasta as 22:00 h no punto de saída, detrás da Casa do Concello.

O número máximo de participantes en cada visita é de 100 persoas. Destas 100 entradas, 60 pódense reservar con antelación, pero terán que adquirirse igualmente no lugar sinalado, entre as 21:15h e as 21:45h. As outras 40 venderanse por orde de chegada a partir das 21:30 h.

Pódense reservar entradas para calquera día durante os días anteriores á visita e, o mesmo día da visita, ata 4 horas antes do comezo desta, é dicir, ata as 18:00 h, a través da páxina web www.migallas.gal

As entradas reservadas que non se adquiran antes das 21:45 h serán postas á venda.

Máis información: Paseo Máxico por Pontevedra


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies