Pan de millo

Nesta ocasión, ofrecémosvos temas de creación propia salferidos con versións de cancións tradicionais. Con estas cancións, nacidas da terra, da auga, do sol, do traballo e da alegría dos nosos avós, queremos contribuír a difundir a inmensa riqueza cultural herdada dos nosos maiores, mediante o xogo e a diversión…

Ilustración da canción pan de millo
Ilustración da canción Miña abuela Manuela

Pan de millo” é un libro-disco publicado por Kalandraka e dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Paulo Nogueira e Magoia Bodega, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.

Ilustración da canción O espantallo divertido
Ilustración da canción O piollo e a pulga

É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz, ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.

A partir das cancións, Dani Padrón crea unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes.

Videoclip Miña Abuela Manuela