O pano da avoa

O pano da avoa

O sábado 5 de maio ás 20:00 h terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra a representación da obra “O pano da avoa”, a cargo dos rapaces e rapazas de “Á procura do tesouro”.

Esta función pon remate a un dos 4 “Obradoiros de Expresión Dramática Plástica e Musical” que desenvolveu a Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra por decimoterceiro ano consecutivo coa coordinación de “Migallas Teatro” e nos que participaron un total de 150 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Durante 22 sesións os/as nenos/as descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático.

O pano da avoa” é unha obra colectiva en que a partir dun obxecto de aparencia vulgar cóntase unha historia que transcorre desde principios do século XX ata a actualidade. Alegrías e tristuras vanse sucedendo ó longo destes anos a medida que as condicións de vida van cambiando. A pesar dos cambios, sempre hai algo que permanece e que se transmite de xeración en xeración ó longo do tempo.

Para crear esta obra, os nenos e nenas participantes mergulláronse nas vidas dos seus devanceiros e na historia da súa terra para lle brindar ó público unha peza chea de emocións e de respecto pola cultura propia herdada dos maiores.

Máis información: Á procura do tesouro.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.