Novo éxito das visitas teatralizadas

Novo éxito das visitas teatralizadas

O espectáculo “Paseo Máxico por Pontevedra”, desenvolvido polo centro histórico, foi realizado pola compañía “Migallas Teatro”, coa colaboración de “Turismo de Pontevedra” da “Deputación Provincial de Pontevedra” e da “Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra”.

Máis de 600 persoas de todas as idades participaron nas 9 visitas teatralizadas que se realizaron durante o pasado mes de xullo. Se comparamos este número co que é habitual nas visitas que se realizan noutras cidades do Estado, podemos considerar que as visitas polo Centro Histórico de Pontevedra foron de novo un éxito rotundo.

Unha das 10 visitas previstas foi aprazada por mor da chuvia. Esta realizouse o xoves 28 de agosto co mesmo horario: a partir das 22.00 h, detrás da Casa Consistorial.

Nestas visitas pola Pontevedra medieval e renacentista os visitantes foron conducidos por varios personaxes a modo de guías pola Zona Monumental. Ao tempo que lles transmitían contidos sobre a historia da vila dun xeito ameno e humorístico, alternaban cancións, xogos e bailes nos que participaron grandes e pequenos.

Durante o “Paseo Máxico por Pontevedra” evocáronse feitos e personaxes históricos coñecidos como o “Fiel Contraste”, Alonso de Fonseca, Pedro Madruga… mais tamén personaxes do imaxinario popular como almas en pena, bruxas, gárgolas e quimeras… Todo envolto cunha capa de humor que convertía estes seres doutro mundo en personaxes moi familiares cuns conflitos moi humanos.

Cumpríronse pois os obxectivos que se perseguían:

  1. Fomentar o turismo cultural en Pontevedra espertando entre os/as visitantes o desexo de coñecer máis sobre a nosa cidade, de xeito que permanezan máis días nela e que volvan con frecuencia.
  2. Contribuír á revitalización da Zona Monumental de Pontevedra en todos os seus aspectos tanto económicos como sociais e culturais aproveitando os seus recursos turísticos e mesmo creando un produto turístico novo.
  3. Difusión da cultura galega. Ofrecer tanto a visitantes procedentes de Galicia como aos vidos de fóra dela a posibilidade de coñecer o pasado histórico de Pontevedra mediante unha actividade amena e para todas as idades.
  4. Rememorar personaxes, momentos históricos e escenas da vida cotiá da Boa Vila que aínda poden ser descoñecidos para os/as mesmos/as habitantes actuais e que contribuirán a comprender mellor o presente da cidade.
  5. Converter as rúas, prazas e edificios do Centro Histórico de Pontevedra na escenografía dun teatro popular e participativo.

Desde Migallas Teatro, Turismo de Pontevedra a Deputación de Pontevedra e a ACCUZM queremos darlles as grazas ás entidades que colaboraron na difusión desta actividade: a todas as oficinas de información turística da cidade, a todos aos establecementos hoteleiros e, especialmente, aos medios de comunicación. Sen todos eles non sería posible acadar este éxito de participación.

Tamén queremos amosar especialmente o noso agradecemento a todas as persoas que nos acompañaron nos paseos máxicos por esta fermosa vila de Pontevedra. E as que aínda non pudieron acompañarnos, animámolas a facelo nas próximas ocasións.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies