Migallas Teatro presenta un espectáculo especial sobre Pan de millo no XV Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra

Migallas Teatro presenta un espectáculo especial sobre Pan de millo no XV Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra

María Campos e Carlos Yus, coa colaboración dos nenos e nenas do obradoiro Á procura do tesouro, interpretarán varias cancións deste libro-disco que xa vai pola segunda edición

Migallas Teatro actuará este domingo 16 de marzo ás 18:30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para presentar un espectáculo especial baseado no seu libro-disco “Pan de millo”, ilustrado por Dani Padrón e publicado por Kalandraka. No marco do XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, María Campos e Carlos Yus interpretarán varios temas deste traballo dirixido a público familiar. “Pan de millo” reúne 14 cancións e versións de temas tradicionais que forman parte do repertorio dos seus espectáculos e actividades de expresión dramática, plástica e musical. Canda eles tamén sairán ao escenario os rapaces e rapazas que participan no obradoiro Á procura do tesouro, que coordina Migallas. A entrada custa 3 euros.

Dende a publicación de “Pan de millo” o pasado mes de outubro, este libro-disco vai xa pola súa segunda edición. Migallas Teatro realizou presentacións nas sete principais cidades galegas, máis nalgunha vila, e continuará percorrendo Galicia ao longo deste ano cos dous espectáculos deseñados por María Campos e Carlos Yus a partir desta obra: “Vai ser boa!” e “Merenda con pan de millo”. Precisamente, este último representarase tamén este sábado ás 18:30 horas na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura.

Inspirándose nas cancións, Dani Padrón creou unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes. Os arranxos e adaptacións das cancións están realizados por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura -I Premio Galego da Música na categoría de música tradicional- e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Tamén participaron intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.

É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un revulsivo no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.