Migallas Teatro no programa Ler conta moito 2016

Migallas Teatro no programa Ler conta moito 2016

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais. Ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente.

Con esta programación, preténdese contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.

Migallas Teatro oferta tres actividades dentro do programa “Ler conta moito 2016”


MERENDA CON PAN DE MILLO

(Teatro e música)

Merenda con pan de millo é un espectáculo de pequeno formato (máximo 70 persoas) baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura.

Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: “Pinocho”, Pan de millo, O piollo e a pulga “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña “Abuela Manuela”. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.

Idade recomendada: Todos os públicos.

CAMIÑO DE HISTORIAS

(Teatro e música)

Camiño de historias é un espectáculo constituído por varias historias de tradición oral procedentes de diversos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares.

Cada relato é tratado dun xeito diferente combinando a narración con técnicas de expresión plástica e dramática. Así pois, nuns prima a palabra, noutros, as imaxes e noutros recupérase a arte dos actores e contadores ambulantes das feiras de antano.

Idade recomendada: Todos os públicos.


UN LOBO CON CHUPETE

(Contos para bebés)

Bea e Davide teñen un problema. O seu lobo leva chupete… Cada vez que llo intentan quitar, chora. Pero chora moito… a quen se lle conte, un lobo con chupete. Está desconsolado. Contos cantos e cancións serán a solución.

Os contos do chupete é unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, canción e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés na que gozar en familia.

Idade recomendada: Entre 0 e 3 anos.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies