Grande éxito das visitas teatralizadas no Museo

Grande éxito das visitas teatralizadas no Museo

As dúas visitas teatralizadas que co nome de “Paseo pola arte galega desde o século XIV a Castelao” realizou Migallas Teatro no Museo de Pontevedra tiveron un grande éxito de participación.

Os visitantes percorreron as salas do Sexto Edificio acompañados por dous personaxes singulares: Cari, “guía accidental” da visita, unha rapaza un tanto relambida e bastante presumida e Maximino, músico e cantor que percorre os camiños de Galicia cantando e contando historias.

Entre os dous foron explicando diferentes aspectos das obras de arte expostas combinando a información rigorosa con pinceladas de humor. Deste xeito os contidos transmitidos fixéronse máis amenos e facilitouse o achegamento á historia e á arte de Galicia dun xeito lúdico e participativo.

Na metade da visita, os nenos e nenas inscritos participaron nun obradoiro infantil de expresión artística relacionado coas obras que acababan de ver.

A actividade, de caracter gratuíto, estaba dirixida a todos os públicos a partir de 4 anos. Moitas persoas non puideron asistir, pois as 40 prazas asignadas a cada visita cubríronse ao pouco tempo de ofertalas.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.