Grande éxito das visitas teatralizadas no Museo de Pontevedra

Grande éxito das visitas teatralizadas no Museo de Pontevedra

As dúas visitas teatralizadas que co nome de “Paseo pola arte galega desde o século XIV a Castelao” realizou Migallas Teatro no Museo de Pontevedra con motivo do Día Internacional dos Museos tiveron un grande éxito de participación.

Os visitantes, de diferentes idades, percorreron as salas do Sexto Edificio acompañados por dous personaxes singulares: Cari, “guía accidental” da visita, unha rapaza un tanto relambida e bastante presumida e Maximino, músico e cantor que percorre os camiños de Galicia cantando e contando historias.

Entre os dous foron explicando diferentes aspectos das obras de arte expostas combinando a información rigorosa con pinceladas de humor. Deste xeito os contidos transmitidos fixéronse máis amenos e facilitouse o achegamento á historia e á arte de Galicia dun xeito lúdico e participativo.

Ao remate de cada visita, os nenos e nenas desenvolveron as súas capacidades creativas nun obradoiro de expresión artística baseado nas obras que acababan de visitar.

Moitas persoas non puideron asistir, pois as 30 prazas asignadas a cada visita cubríronse ao pouco tempo de ofertalas. Sería boa idea que se repetise este tipo de actividades.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies