Éxito rotundo das Visitas Teatralizadas 2013

Éxito rotundo das Visitas Teatralizadas 2013

O espectáculo “Paseo Máxico por Pontevedra”, desenvolvido polo centro histórico, foi realizado pola compañía “Migallas Teatro”, coa colaboración de “Turismo de Pontevedra” e da “Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra”.

780 persoas de todas as idades participaron nas 10 visitas teatralizadas que remataron o sábado 24 de agosto. Isto supón una media de 78 persoas por visita. Se comparamos este número co que é habitual nas visitas que se realizan noutras cidades do Estado, podemos considerar que as visitas polo Centro Histórico de Pontevedra foron un éxito rotundo.

Nestas visitas pola Pontevedra medieval e renacentista os visitantes foron conducidos por varios personaxes a modo de guías pola Zona Monumental. Ao tempo que lles transmitían contidos sobre a historia da vila dun xeito ameno e humorístico, alternaban cancións, xogos e bailes nos que participaron grandes e pequenos.

Durante o ““Paseo máxico por Pontevedra”” evocáronse feitos e personaxes históricos coñecidos como o “Fiel Contraste”, Alonso de Fonseca, Pedro Madruga… mais tamén personaxes do imaxinario popular como almas en pena, bruxas, gárgolas e quimeras… Todo envolto cunha capa de humor que convertía estes seres doutro mundo en personaxes moi familiares cuns conflitos moi humanos.

Cumpríronse pois os obxectivos que se perseguían:

  1. Fomentar o turismo cultural en Pontevedra espertando entre os/as visitantes o desexo de coñecer máis sobre a nosa cidade, de xeito que permanezan máis días nela e que volvan con frecuencia.
  2. Contribuír á revitalización da Zona Monumental de Pontevedra en todos os seus aspectos tanto económicos como sociais e culturais aproveitando os seus recursos turísticos e mesmo creando un produto turístico novo.
  3. Difusión da cultura galega. Ofrecer tanto a visitantes procedentes de Galicia como aos vidos de fóra dela a posibilidade de coñecer o pasado histórico de Pontevedra mediante unha actividade amena e para todas as idades.
  4. Rememorar personaxes, momentos históricos e escenas da vida cotiá da Boa Vila que aínda poden ser descoñecidos para os/as mesmos/as habitantes actuais e que contribuirán a comprender mellor o presente da cidade.
  5. Converter as rúas, prazas e edificios do Centro Histórico de Pontevedra na escenografía dun teatro popular e participativo.

Desde Migallas Teatro, Turismo de Pontevedra e a ACCUZM queremos darlles as grazas ás entidades que colaboraron na difusión desta actividade: a todas as oficinas de información turística da cidade, a todos aos establecementos hoteleiros e, especialmente, aos medios de comunicación. Sen todos eles non sería posible acadar este éxito de participación.

Tamén queremos amosar especialmente o noso agradecemento a todas as persoas que nos acompañaron nos paseos máxicos por esta fermosa vila de Pontevedra. E as que aínda non pudieron acompañarnos, animámolas a facelo nas próximas ocasións.

Galería fotográfica do Paseo Máxico 2013


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.