Actuación de Migallas Teatro no Espacio Kalandraka de Madrid

Momento da presentación no Espacio Kalandraka

Actuación de Migallas Teatro no Espacio Kalandraka de Madrid

Tras presentar “Canta connosco!” en numerosas cidades galegas, a compañía Migallas Teatro formada por María Campos e Carlos Yus visitou este sábado o Espacio Kalandraka de Madrid para compartir co público as cancións que conforman a edición especial 20º aniversario do que foi o seu primeiro traballo musical. Dende “O libro máxico” a “Dime que fixeches”, pasando por “O esqueleto”, na escolma musical que interpretaron non faltaron ritmos como o rock, o reggae, a cumbia e as melodías tradicionais. Durante a sesión tamén se proxectaron videoclips elaborados expresamente para esta edición en formato DVD.

Esta foi a terceira visita de Migallas ao ESPACIO KALANDRAKA, onde xa actuaron en setembro de 2014 e de 2015 co repertorio do libro-disco “Pan de millo”. Como nas ocasións anteriores, o aforo completouse ao pouco de tempo da convocatoria do espectáculo e non foi posible atender todas as peticións de asistencia.

Migallas creouse en 1992 pero foi catro anos despois cando se converteu nunha compañía profesional. Ese mesmo ano gravaron o disco “Canta connosco!”, que daquela marcou un fito na música infantil en galego. Dúas décadas despois, KALANDRAKA recuperouno e converteuno nun libro-disco con ilustracións do Premio Nacional Óscar Villán.

A ecoloxía, os xogos populares e colectivos fronte á televisión e ás novas tecnoloxías, a importancia de falar a lingua galega, o pracer da lectura ou a riqueza da nosa cultura tradicional son algúns temas tratados nas cancións, que contaron coa colaboración de figuras da música galega tan destacadas como Paco Dicenta, Xosé Manuel Budiño ou Suso Vaamonde.

“Canta connosco!” súmase ao libro-disco “Pan de millo”, que rende homenaxe á memoria dos maiores. Xunto con estes traballos, o disco “Zaragallada” da Banda Migallas para público mozo e adulto, e o libro “Un avó especial” sobre a doenza do Alzheimer, completan a frutífera traxectoria de Migallas, á que se engade un amplo repertorio de espectáculos teatrais, contacontos, cursos e obradoiros de expresión dramática. Polo seu labor e o seu compromiso a prol do impulso do galego e da nosa cultura, Migallas recibiu en 2016 o Premio Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra e da Rede Amiga da Lingua.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies